Saturday 04 de May de 2024

Aberta a mostra que recolle os traballos presentados ao concurso para a rehabilitación do mercado de Santa Lucía


O Concello colabora co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) na posta en marcha da exposición, que será visitable ata o vindeiro 18 de agosto, na sede coruñesa da COAG, en Federico Tapia

Desde hoxe, e ata o vindeiro 18 de agosto, a sede da delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), ubicada no número 64 da rúa Federico Tapia, acolle unha mostra sobre o concurso de proxectos para a rehabilitación do mercado de Santa Lucía.

O acto de apertura da exposición, promovida polo COAG coa colaboración do Concello, tivo lugar este luns ás 19.00 horas, e foi acompañado pola conferencia ‘Mañana sale el sol’, impartida polo arquitecto Francisco Burgos, socio fundador de Burgos & Garrido Arquitectos e director do proxecto que presentou a proposta finalmente gañadora.

A través da mostra, que estará aberta no horario habitual de atención ao público na sede do COAG, poderase coñecer polo miúdo todas as propostas que se presentaron ao concurso, así como achegarse á estratexia de reconversión do antiguo mercado, situado no barrio da Falperra, nun edificio mixto de usos públicos.

A este respecto, cabe lembrar que a inicios deste mes a Xunta de Goberno Local aprobou o outorgamento dos premios correspondentes aos estudos de arquitectura gañadores do concurso de ideas para a rehabilitación do mercado e a creación dun centro de saúde en Santa Lucía, recoñecendo o traballo levado a cabo polas distintas firmas que se presentaron ao concurso.

Deste xeito, a Burgos & Garrido Arquitectos foille concedido o primeiro premio, cun valor de 20.000 euros. O segundo premio recaeu na UTE Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, por un total de 15.000 euros (7.500 euros para cada unha das empresas que conforman a Unión Temporal de Empresas). Tamén se outorgaron dous accésits, un á UTE Manuel Vázquez Muíño e OLA Arquitectura e outro á UTE Fernández Carballada e Asociados e Nula Studio, cun premio de 5.000 euros a cada unha (2.500 euros para cada empresa que conforma a Unión Temporal de Empresas).

Por outra banda, encomendouse ao servizo de Contratación a tramitación do expediente de contratación coa licitadora Burgos & Garrido Arquitectos para levar a cabo a redacción do proxecto de rehabilitación do mercado de Santa Lucía como estudo gañador do concurso de ideas, que asumirá tamén a dirección da obra.

O novo Santa Lucía, tal e como anunciou anteriormente a alcaldesa, Inés Rey, compatibilizará nun só espazo, con accesos diferenciados, tres usos: será centro de saúde, centro cívico e mercado municipal. Para este último resérvase unha superficie de 400 metros cadrados.